viernes, 18 de diciembre de 2015

NADAL GASTRONÓMICO

Tras a lectura de receitas, o alumnado de 1º ESO elabora o proxecto escrito do 1º trimestre, unha receita da que se indica a fonte de información, na maioría dos casos familiar, e expóñense os traballos elaborados con Microsoft Publisher no taboleiro do vestíbulo do centro. No festival de Nadal, entréganse os premios do Equipo de Dinamización da Lingua Galega aos traballos seleccionados.

jueves, 10 de diciembre de 2015

CARTAS DE INVERNO

O alumnado de 2º ESO, tras a lectura de Cartas de inverno, produce os seus cómics como proxecto escrito do 1º trimestre na materia de Lingua Galega e Literatura.


miércoles, 2 de diciembre de 2015

XELA VOLVEUSE VAMPIRA

No Club de lectura de aula de 1º ESO, o obxectivo é ler pola Igualdade para evitar a violencia de xénero. Logo da reflexión, o alumnado produciu carteis para loitar contra a violencia machista.


martes, 1 de diciembre de 2015

VACACIÓNS LECTORAS

Achéganse as vacacións de Nadal e a Biblioteca anima a comunidade educativa a levar lecturas e películas para o tempo de lecer, dende os taboleiros do centro e dende a conta de twitter.


lunes, 30 de noviembre de 2015

PARA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Ler e actuar son dúas accións que favorecen a eliminación da violencia de xénero. A biblioteca achega fondos que nos axudan a coñecer a problemática, a reflexionar e a actuar en consecuencia.

viernes, 27 de noviembre de 2015

O XARDÍN ESQUECIDO

Alédanos darvos a coñecer un blogue literario, O xardín esquecido,  creado por Uxía Oviedo de Dios, alumna de 4º ESO, para compartir as súas producións con toda a comunidade educativa. Parabéns.

miércoles, 25 de noviembre de 2015

CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

O alumnado de 4º ESO A quere compartir o traballo elaborado con novas sobre o tema recollidas en xornais galegos e estatais. Estes son os feitos.



viernes, 20 de noviembre de 2015

TERTULIAS LITERARIAS DE ALLARIZ


Os membros do Club de Lectura reúnense en Allariz con outros clubs de lectura para asistir ás Tertulias arredor da obra Instrucións para tomar café de Manuel Núñez Singala.



Imaxes

jueves, 29 de octubre de 2015

CLUB DE LECTURA

Reúnense os membros do club de lectura para a posta en común de dúas obras de Manuel Núñez Singala. Un grupo le Instrucións para tomar café e outro Menú de enganos.



BIBLIOTECA PÚBLICA

O alumnado de 1º ESO visita a Biblioteca Pública para coñecer as instalacións, converterse en socios e festexar o Día da Biblioteca coa lectura compartida de varios textos proporcionados pola súa dinamizadora, Avelina Losada, quen tan ben nos acolle.




viernes, 23 de octubre de 2015

DÍA DA BIBLIOTECA

Un curso máis conmemoramos o Día da Biblioteca coa organización dun concerto no Salón Rosalía de Castro para dar a coñecer o talento do alumnado e invitar a toda a comunidade educativa a participar activamente na dinamización da nosa biblioteca, un lugar de encontro. Parabéns a todos os participantes.


jueves, 1 de octubre de 2015

BIBLIOTECAS SOLIDARIAS

Comeza o curso e a biblioteca inicia a súa andaina coa entrega de diplomas ao alumnado colaborador do curso pasado que participou no Programa Bibliotecas Solidarias, unha colaboración entre a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.


sábado, 27 de junio de 2015

MEMORIA BIBLIOTECA

O curso chega á súa fin e o Equipo de dinamización da biblioteca achega ao claustro a memoria do 3º trimestre. Unha síntese das funcións e actividades desenvolvidas e a constitución do equipo para o curso 2015/2016.






viernes, 19 de junio de 2015

DESPEDIDA DO CLUB DE LECTURA

As actividades do Club de lectura Pasamos Páxina rematan neste curso cunha visita ao Castelo de Maceda onde o alumnado de 1º ESO le e recita algúns dos poemas que máis lles gustaron.


jueves, 28 de mayo de 2015

SEARCHING FOR THE TOURIST

Last 20th May the group of 1st Bachillerato spent the day in  Santiago de Compostela interviewing  pilgrims and tourists from all nationalities.
We had a good day! 


Here are some of the students’ comments.

jueves, 14 de mayo de 2015

PRESUME DE GALEGO

Na Semana das Letras, nós tamén queremos presumir e compartir o vídeo que nos achega a Coordinadora de equipos de normalización e dinamización da lingua galega.

PREMIOS A BIBLIOSELFIE


Rematan as actividades programadas pola biblioteca para o Día do Libro coa entrega de premios ás biblioselfies subidas a Twitter, co hashtag #abiblioselfie, realizadas para visibilizar os libros e as persoas lectoras a través das redes sociais.
Parabéns a todos os participantes e, especialmente, ás persoas premiadas.

jueves, 7 de mayo de 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Xa vén o maio cargado de letras! E o Equipo de Normalización e Dinamización da lingua galega colocou os carteis coa información do homenaxeado este ano. Vén á biblioteca e busca a información necesaria para responder as cuestións do formulario e poder participar no concurso Información Día das Letras, organizado pola biblioteca e o equipo de normalización.


Ademais, ofrecémosche esta liña do tempo sobre o autor, elaborada no IES SAN PAIO de Tui. 

martes, 5 de mayo de 2015

ILLA DE SAN SIMÓN

O alumnado de 3º ESO e 1º Bacharelato visita as illas de San Simón e San Antonio, localizadas na enseada que conforma a ría de Vigo, fronte a Cesantes. Unhas illas, posiblemente utilizadas xa durante a época prerromana, que comezan a ter historia de seu na Idade Media, cun amplo período monacal co culto ao santo e que no século XIII Mendinho recolle na súa cantiga "Sedía-m' eu na ermida de San Simión"
Posteriormente, as incursións corsarias que no século XVI leva a cabo Francis Drake e en 1702 a Batalla de Rande que remata co afundimento e incendio da frota hispano-francesa e orixina a lenda sobre os tesouros dos galeóns afundidos que Jules Verne aproveita nunha das pasaxes de Vinte mil leguas de viaxe submarina.
De 1842 a 1927, lazareto marítimo e de 1936 a 1943, o maior campo de concentración do país, polo que pasan cerca de seis milleiros de persoas, como se aprecia en O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas.



lunes, 4 de mayo de 2015

PENÚLTIMAS TENDENCIAS

Penúltimas tendencias, escrito por Carlos Negro, é un libro de poemas cuxa voz poética é a dunha adolescente que rompe o clixé da adolescencia rosa, contrapóndoa coa das mozas que visten de negro e se rebelan contra todo e contra todos.
O positivo deste libro apréciase na intención do autor de dignificar a muller nuns tempos nos que continuamente nos bombardean con publicidade enganosa e escravizantes estereotipos. Ademais, un arsenal de denuncias de temas que, desafortunadamente, están en auxe, destacando a violencia de todo tipo, a inxustiza, a penosa situación da muller e a manipulación á que estamos expostos. Tamén destaca o feito de ser un libro xuvenil, dirixido a esas mozas que están buscando a súa identidade.
Por outra banda, o autor foxe dunha xeneralización, a da adolescente de rosa superficial e interesada en revistas de adolescentes, en Disney Channel ou na lista de éxitos dos 40 principais, para meterse noutra, a da adoelscente rebelde que pasa de tacóns, maleducada, que "fai cachizas as fotos da infancia", viste de negro e elixe "o vestido máis feo". Pero, acaso para ser fiel a unha mesma, hai que pintar as unllas e as paredes de negro, esnaquizar as fotos ou vestir roupa fea?
Eu penso que non. Unha muller debe buscar a súa beleza, esa que a ela lle gusta, non aos demais. Seguir unha moda non ten nada de malo se se fai porque gusta e non porque todos o fagan. Unha muller non mostra personalidade por vestir de negro, non se trata da roupa, e Carlos Negro limítase ás aparencias: o importante é mostrar que non se é coma as demais. Non obstante, é de agradecer a defensa dos dereitos da muller, presente en todo o libro.
ALBA CARRERA DOVAL, 2º BACHARELATO

ENCONTRO CON FRAN ALONSO

No Salón Rosalía de Castro tivo lugar o encontro de Fran Alonso coas lectoras e lectores de dúas das súas obras, Cartas de amor e Cidades. E a poesía xurdiu, coa palabra, a música, o silencio e a maxia. E non morde, non é aburrida nin difícil. Hai moitos tipos para que elixamos e serve, sobre todo, para explicar as razóns e as emocións que non veñen no dicionario. Gocemos, pois, da poesía.




viernes, 24 de abril de 2015

TERTULIAS LITERARIAS

Os membros do club de lectura participaron onte nas Tertulias literarias de Ourense, organizadas pola concellería de educación. Xa que logo, trasladámonos á cidade para comentar a novela Matarte lentamente de Diego Ameixeiras con mozas e mozos de Allariz e Xinzo de Limia e logo asistir, xunto cos clubs da cidade, ao encontro co autor que desvelou as claves da súa creación, respondeu as preguntas dos lectores e asinou todos os exemplares. 
Unha excelente celebración do Día do Libro coa presenza de lectoras/es, autor, editorial, concello e persoas mediadoras da lectura.




jueves, 23 de abril de 2015

DÍA DO LIBRO

Día do Libro no San Mamede. Día de Festa para as persoas lectoras e para os libros apreciados, ao pé da oliveira. Agora xa podemos subir os comentarios sobre eses libros que nos enchen a vida de emocións e aprendizaxes.


lunes, 16 de marzo de 2015

ENCONTRO CON CARLOS VILA SEXTO

    O día 13 de marzo visitou o noso centro o autor Carlos Vila Sexto para falarnos das súas novelas As sete mortes e Gárgola. Acompañado dunha longa e divertida exposición  foi comentando como comezou a escribir dende cativo, os seus gustos e afeccións, os seus autores preferidos etc… Explicou que á hora de escribir, tanto se inspira en novelas ou películas, como en cómics ou videoxogos. Contounos que el de cativo non só lía, senón que tamén lle gustaba ver moito cine e debuxos animados.
   Despediuse dun xeito especial alentando a todo o alumnado a prestar atención nas clases para poder así ter máis tempo libre na casa e aproveitar para, a quen lle guste, escribir e mostrar ao mundo as súas capacidades. Por último lembrou que, se o desexamos, todos podemos chegar a ser escritores.
 (Cindy Conde Groux, 3º ESO C)

viernes, 13 de marzo de 2015

CORTA COAS DESIGUALDADES

O alumnado de 3º ESO vén de presentar na casa do concello as curtas elaboradas no Obradoiro impartido por Emiliano J. Cossini Benchimol do centro "Quérote". A actividade que se desenvolveu no 2º trimestre na sesión semanal de titoría foi programada polo departamento de Orientación.






miércoles, 11 de marzo de 2015

VOLVO! O REGRESO DE USHA

O alumnado do club de lectura de 2º ESO xa leu Volvo! O regreso de Usha de María Reimóndez. Unha obra moi agardada por estas lectoras/es, xa que o curso pasado na materia de Lingua Galega e Literatura se achegaron a Usha e quedaron cuestións pendentes por resolver.
Nesta segunda parte os temas e valores desenvolvidos son o feminismo, a educación sobre o corpo que se concreta na menstruación, a aposta pola visión científica do mundo, o respecto á diversidade, Galicia como entidade global e o espertar adolescente.


Agardamos os comentarios das lectoras e lectores.

domingo, 8 de marzo de 2015

DÍA DA MULLER


8 de marzo, Día da Muller, unha data para reivindicar a igualdade de xénero no mundo enteiro, xa que non existe un só país onde as mulleres teñan conseguido a plena igualdade, pero tamén un día para imaxinar un mundo mellor e compartir experiencias.
  • Na mensaxe da Sra. Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO,  podemos ler:
"Empoderamento da muller, empoderamento da humanidade: imaxinémolo"
  • Para escoitar, a canción One Woman escrita para ONU Mulleresque nos lembra que se todas e todos nos unimos podemos superar a violencia e a discriminación contra as mulleres: "We shall shine!"
  • Para compartir, o proxecto Mulleres Galegas Kañeras que persegue reivindicar a figura da muller galega na música "kañera" e consiste en gravar unha canción e un videoclip entre todas as mulleres que participan.
  • Para ver, o videoclip de Guadi Galego Matriarcas

AFFICHE TON FRANÇAIS

A Asociación de Profesores de Francés de Galicia convocou un ano máis o concurso de carteis Affiche ton français para todo o alumnado de Galicia. Nesta ocasión os traballos debían inspirarse nun personaxe francófono, real ou de ficción, vivo ou morto.
Os carteis finalistas de cada centro participante, tres por categoría, estiveron expostos no IES Fontiñas durante a celebración das Xornadas Pedagóxicas organizadas pola APFG que se desenvolveron o 28 e 29 de febreiro en Santiago de Compostela.
Uxía Oviedo de Dios, cun cartel baseado no Petit Prince, resultou gañadora do primeiro premio na categoría de alumnado de 3º e 4º ESO que estudan francés como segunda lingua estranxeira. 
A entrega do premio e de mencións aos participantes realizouse na Biblioteca.

martes, 24 de febrero de 2015

DÍA DE ROSALÍA

O alumnado de 1º ESO achegouse á figura e obra de Rosalía de Castro para a conmemoración deste ano. 
Tras a busca de información e a cita das fontes, elixiron un poema da autora para recitar na biblioteca, baixo o lema Eu son Rosalía da Asociación de Escritores en Lingua Galega, en cuxo manifesto podemos ler:

Ánimo, compañeiras! Arriba todas, rapaciñas do lugar. Nós somos arpa de soio dúas cordas, a imaxinación i o sentimento. Que o seu son se disolva, pois, nunha mesma música, nun himno común. Porque celebrar o nacemento de Rosalía de Castro é festexar o perpetuo renacer deste país que nos acolle e identifica; é aturuxar con orgullo na nosa lingua e sentir que formamos parte dunha comunidade poética, por enriba de calquera circunstancia. 
Por enriba de calquera circunstancia todas as galegas e galegos somos Rosalía! E hoxe, máis que nunca, debemos deixar que a súa voz fale en cada unha, en cada un de nós.

RECITADO ROSALÍA - Kizoa Movie Maker

viernes, 20 de febrero de 2015

MUSEO DE PONTEVEDRA

O alumnado de 2º Bacharelato achégase ao Museo de Pontevedra para realizar unha visita guiada polo sexto edificio emprazado detrás da igrexa parroquial de San Bartolomeu e do edificio Sarmiento co que comunica. 
As vinte e tres salas de exposición permanente proporcionan un percorrido pola evolución da arte galega dende o gótico ata a actualidade, así como as manifestacións doutros lugares de España, dende os gravados de Goya ata obras de mediados do século XX.
Obviamente, unha parada especial para observar e gozar as obras de Afonso Daniel Rodríguez Castelao.



viernes, 6 de febrero de 2015

TERTULIAS LITERARIAS DE OURENSE

Un curso máis, o alumnado do club de lectura Pasamos Páxina acode ás Tertulias Literarias de Ourense para compartir a lectura con adolescentes doutros centros da provincia. Nesta ocasión, os compañeiros foron as alumnas e alumnos do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense.
A obra de Clara Sánchez, Lo que esconde tu nombre, Premio Nadal 2010, proporcionou moitos aspectos para comentar, tanto os relativos ao punto de vista, estrutura e caracterización dos personaxes, coma os referentes aos temas: nazismo, neonazismo, memoria, xustiza e amor. E as lectoras e lectores dos dous centros participaron activamente. Parabéns a todas e todos.


viernes, 30 de enero de 2015

DON QUIJOTE

O vinte e nove de xaneiro, a compañía teatral Neus Oliver levou a cabo a representación da obra Don Quijote no Salón Rosalía de Castro. Unha representación que destacou polo seu dinamismo, pola participación conxunta de actores e público e polo achegamento dunha obra literaria clásica ao alumnado.
A proximidade dos actores tamén é moi destacable pois mantiveron co público alí presente un diálogo  moi enriquecedor e que deu mostra da realidade do traballo teatral.


martes, 20 de enero de 2015

CAMPO LAMEIRO

O alumnado de 2º ESO visitou o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro onde puido observar os deseños xeométricos e naturalistas propios dos petróglifos galegos, acceder á recreación dun poboado da Idade do Bronce para aproximarse aos modos de vida da época e visitar a exposición estable. 
A orixe da actividade extraescolar atópase en Cartas de inverno de Agustín Paz Andrade, obra de lectura común na materia de Lingua Galega e Literatura:
   Resulta que no cacho de parede que hai enriba da porta de cada un dos cuartos de arriba, sobresaíndo sobre os ladrillos, atopamos unha pequena laxe de granito, cunha figura gravada, distinta en cada cuarto. (...). Ademais, vistas dende a miña perspectiva, esas figuras case son unha premonición, porque lembran os petróglifos prehistóricos.

    No centro do cuarto estaba, efectivamente, a inquietante trapela de ferro. E gravado nela o enigmático labirinto de Mogor, que o meu amigo non recoñecera, pero que eu lembraba ben.
CAMPO LAMEIRO - Kizoa Movie Maker

lunes, 12 de enero de 2015

PEL DE LOBO


    Pel de lobo é unha novela de Xosé Miranda publicada pola editorial Xerais en 2002 na colección Fóra de Xogo. Narra a historia dun rapaz que marcha con seu pai a'O Incio para cazar uns lobos que están a atemorizar a poboación. Estes lobos non son normais xa que non temen a xente nin lles afectan as balas. Nesta viaxe verán como moitas historias que crían lendas se converten en realidade.
    Este libro gustoume polo ambiente de misterio e medo que transmite. Isto conségueo, tanto polo contido da narración, como pola súa estrutura xa que nalgunhas ocasións introduce un capítulo cando hai un momento crítico da historia, producindo no lector unha sensación de intriga. En canto á estrutura tamén me gustou o final, xa que aínda que queda aberto e non se sabe exactamente o que aconteceu coa rapaza, si dá pistas sobre o que puido ocorrer. Cabe destacar que, ademais de ser un libro moi entretido, trata temas moi importantes que invitan á reflexión como, por exemplo, a maneira de tratar as mulleres, coma se fosen escravas que non teñen nin voz nin voto. Faino a través das ansias de liberdade dunha rapaza que quere marchar da casa xa que ela non quere ser tratada así, ela quere ser tratada coma se fose un home. Finalmente, mostra que, a pesar de que os humanos queremos destacar sobre o resto de animais pola nosa capacidade de razoamento, hai ocasións en non pensamos e actuamos como animais, solucionando os problemas con guerras e batallas que non levan a ningunha parte.
    En conclusión, a novela Pel de lobo é interesante se o lector/a goza cos libros de misterio e medo, pero tamén se desexa pensar e reflexionar un pouco sobre temas como as desigualdades entre as persoas, principalmente entre homes e mulleres, ou a forma de actuar dos humanos.
 EMMA FARIÑAS CABO, 3º ESO

Ilustracións de EDEI OTERO CONDE