viernes, 19 de diciembre de 2014

VACACIÓNS LECTORAS

Dende a Biblioteca despedimos o trimestre fomentando a lectura para o tempo de Nadal. Nesta ocasión facendo fincapé nos fondos de temática matemática, aínda que a elección é libre. O alumnado acudiu para elixir os libros e formalizar o préstamo en sesións lectivas do profesorado do equipo de biblioteca.

READING

O departamento de Inglés vén de traballar a lectura no primeiro trimestre cos seguintes títulos da editorial Burlington:
Five children and it de Edith Nesbit co alumnado de 1º ESO

The phantom of the opera de Gaston Leroux en 3º ESO

The woman in white de Wilkie Collins para o alumnado de 1º Bacharelato

Agardamos os comentarios das lectoras e lectores dos textos.

miércoles, 10 de diciembre de 2014

ARQUITECTURA POPULAR

O alumnado do club de lectura de 1º ESO, despois da lectura d'A mansión dos Pampín de Miguelanxo Prado, vén de realizar unha exposición no corredor da biblioteca con información sobre o cómic, o seu autor e exemplos de arquitectura popular da nosa comarca.

viernes, 28 de noviembre de 2014

TERTULIAS DE ALLARIZ

Os membros do club de lectura Pasamos Páxina, de 4º ESO e 3º de Diversificación Curricular, leron e analizaron a obra O corazón da branca de neve de Francisco Castro, publicada pola editorial Galaxia.
O 26 de novembro acudiron a Allariz para participar nas tertulias compartidas co autor da obra e con lectoras e lectores dos centros de Allariz, Xinzo de Limia e Bande.

jueves, 27 de noviembre de 2014

DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

A violencia de xénero é unha das lacras da nosa sociedade sobre a que cómpre que as e os adolescentes reflexionen. Con esta intención, algunhas das lecturas comúns programadas, como A lagoa das nenas mudas de Fina Casalderrey ou "Tan lonxe, tan preto" en Endogamia 0.2 de Ramón Caride; pero tamén as producións do alumnado, a cartelería e as campañas para manifestarse a través das redes sociais.

miércoles, 19 de noviembre de 2014

MOCHILAS VIAXEIRAS

A biblioteca, un curso máis, pon a disposición do alumnado voluntario de 1º e 2º ESO  as mochilas con documentos variados: álbum ilustrado, cómic, cancións, receitas, películas, revistas e novelas. Os destinatarios desta iniciativa, o alumnado e as súas familias; as linguas, galego, castelám, inglés e francés. Como novidade deste curso, matemáticas con dous libros de ficción adecuados á idade dos participantes.

miércoles, 12 de noviembre de 2014

MAR INTERIOR

O Museo das Peregrinacións exhibe a primeira exposición antolóxica de Miguelanxo Prado, impulsada polo Consorcio de Santiago e El Patito Editorial.
A presentación, con algúns exemplos das 59 obras expostas, está dedicada especialmente ao alumnado do club de lectura de 1º ESO que leron A mansión dos Pampín.

lunes, 10 de noviembre de 2014

V XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES

Neste mes da ciencia en galego e da literatura oral tradicional tiveron lugar en Santiago de Compostela as V Xornadas de Bibliotecas Escolares, organizadas pola Asesoría de Bibliotecas Escolares e o Centro Autonómico de Formación e Información.


No programa as conferencias de Ricardo Gómez, Mónica Baró, Javier Guallar Delgado e José Manuel Pérez Tornero. Tamén mesas de experiencias arredor das matemáticas e a ciencia na/coa biblioteca escolar,  e do tratatamento das alfabetizacións múltiples. A presentación do Informe do Consejo de Cooperación Bibliotecaria e da plataforma "Galicia le" de acceso ao libro electrónico.
Os asistentes, un milleiro de profesoras e profesores de Galicia que cre no papel da biblioteca escolar como fonte de recursos efectiva e deseñadora de programas para a procura, selección e uso das fontes e o traballo documental apoiando proxectos interdisciplinares.

martes, 4 de noviembre de 2014

CLUB DE LECTURA

Os distintos agrupamentos do club de lectura Pasamos Páxina xa están constituídos e xa temos imaxes da primeira reunión dalgúns deles e os títulos seleccionados.

A mansión dos Pampín de Miguelanxo Prado para o alumnado de 1º ESO.
       

O corazón da Branca de Neve de Francisco Castro con mozas e mozos de 3º e 4º ESO.
  

Poderosa 3 de Sérgio Klein coas lectoras de 3º ESO B.




martes, 14 de octubre de 2014

BIBLIOTECA PÚBLICA

Un curso máis o alumnado de 1º ESO visita a Biblioteca Pública para coñecer os servizos ofertados e tramitar o carné lector. Coma sempre, son acollidos pola bibliotecaria, Avelina, que este ano nos proporcionou o texto de Antonio Rodríguez Almodóvar para o Día da Biblioteca, "Pregón homenaje a Ana María Matute".

viernes, 10 de octubre de 2014

BIBLIOTECA: ABERTO

Outubro é o mes das bibliotecas e a nosa abriu as súas páxinas para acollernos. Vide, todas e todos, mozos e maiores! 


lunes, 23 de junio de 2014

SERVIZOS DA BIBLIOTECA

As alumnas de 2º ESO A, membros do Equipo de apoio da biblioteca, crearon este titorial para ilustrarnos sobre as zonas, as normas de uso e o servizo de préstamo da nosa biblioteca.
Parabéns polo seu fenomenal traballo.

A música que se escoita é Wedding Invitation de Jason Farnham.

miércoles, 21 de mayo de 2014

TERTULIAS LITERARIAS

Tras a lectura de El lector de Julio Verne, as alumnas do club de lectura de 1º Bacharelato acoden a Ourense para reunirse no Liceo con lectoras e lectores da obra de Almudena Grandes e así nolo contan.

Pareceunos unha actividade moi interesante. Axudounos a comprender mellor a novela e ter o testemuño de alguén que experimentou en primeira persoa a vida dentro dun cuartel da Garda Civil, igual que o protagonista, fíxonos comprender a veracidade da historia de Nino. Sorprendeunos a espontaneidade e a naturalidade da tertulia e gustounos a falta de presión para intervir, xa que ao comezo estabamos algo cohibidas.
Recomendamos o club de lectura xa que os libros son interesantes e, xeralmente, amenos e as tertulias espontáneas e divertidas.




viernes, 16 de mayo de 2014

EL LECTOR DE JULIO VERNE

As alumnas do Club de lectura de 1º Bacharelato están rematando de ler El lector de Julio Verne de Almudena Grandes. Posteriormente participarán nas Tertulias literarias de Ourense.

Velaquí uns momentos da presentación do libro editado por Tusquets Editores. 


.




martes, 13 de mayo de 2014

MES DAS LETRAS

Achégase o Día das Letras e o alumnado de 1º e 2º ESO busca información para coñecer máis da conmemoración e de Xosé María Díaz Castro, autor de Nimboshomenaxeado este ano cando se cumpre o centenario do seu nacemento.




 





lunes, 12 de mayo de 2014

NANORRELATOS PREMIADOS

Dende a Biblioteca achegamos a toda a comunidade educativa do centro as producións premiadas no I Certame de Nanorrelatos.

Lingua galega

Aquel ía ser un día inesquecible, coñeceríaa e daríase conta de que cun pouco de luz e a suficente escuridade non precisaría coñecer a ninguén máis.
María Losada González, 2º BAC

Aquel ía ser un día inesquecible, decidira marchar daquela cidade. Deixara alí todos os meus recordos para buscar a miña felicidade. Pero cada día a soidade é máis grande, estraño todo canto deixei.

Andrea Cid López, 3º ESO

Aquel ía ser un día inesquecible, cos ollos entre bágoas, vin como se ía pola luz, collina da man e biqueina nos beizos, tristemente díxenlle: Xamais me esquecerei de ti!
Antía Núñez Barrio, 3º ESO

Lingua castelá

Aquel sería un día inolvidable, iba a ser fusilado en un campo de fútbol submarino a manos de un pez espada y lo peor es que ya estaba muerto desde hacía tres días.
Roi Poza Otero, 1º ESO

Aquel sería un día inolvidable, la celda de cristal continuaba fría como el hielo y la gran aguja de plata penetraba en mi piel al ritmo de un viejo reloj oculto en una urna.
Carla Álvarez Rodríguez, 1º BAC

Aquel sería un día inolvidable a pesar de vivir en una noche eterna.

Laura Pérez Cid, 4º ESO
Inglés

That day would be unforgettable. We were going to open the eyes of a lot of people in our concert. Our music would change plenty of things. We were going to knock out the government.
Brais Gómez Alonso, 1º BAC

That day would be unforgettable if she turned off the tv. Now she realizes that she could have done the most important thing in her whole life.

Sara Garrido Parada, 4º ESO
Francés
Ce serait un jour inoubliable parce qu'elle espèrait que son petit ami allait lui proposer de se marier avec elle. Cependant, à l'heure à laquelle il devrait être au café, il lui téléphonait pour la quitter.

Elodí Cid Santos, 2º BAC

viernes, 9 de mayo de 2014

I CERTAME DE NANORRELATOS

O Día do Libro o alumnado participou no I Certame de Nanorrelatos convocado para  todos os niveis educativos. As bases establecían que todos terían o mesmo comezo e unha extensión máxima de trinta palabras en galego, castelán, francés ou inglés. O acto creativo tivo lugar nas bancadas da pista exterior o 23 de abril na última sesión lectiva.
Hoxe, na biblioteca tivo lugar a entrega de premios. Parabéns a todas e todos os galardoados.

jueves, 1 de mayo de 2014

A MANSIÓN DOS PAMPÍN

No Club de lectura, con alumnado de 1º ESO, lemos o cómic A mansión dos Pampín de Miguelanxo Prado, autor xa coñecido para as rapazas e rapaces que tiveron como lectura de aula "A arboriña de Nadal".
No enlace podemos acceder á versión on line e PDF e coñecer máis do autor e en TRAFEGANDO RONSEIS un traballo do alumnado do IES Ferrolterra sobre o cómic.

        


miércoles, 23 de abril de 2014

DÍA DO LIBRO

No Día Mundial do Libro e do Dereito de Autoría, a UNESCO invita a todas as mulleres e a todos os homes a mostrar o seu apoio ao libro e a todas aquelas persoas que escriben e producen libros. Este é un día para celebrar o libro como materialización da creatividade humana e do desexo de compartir ideas e coñecementos, de inspirar entendemento e tolerancia.
A biblioteca agasallou hoxe aos seus colaboradores co marcapáxinas editado pola Consellería cun texto inédito de Paco Martín.

martes, 8 de abril de 2014

ENCONTRO CON RAMÓN CARREDANO

O club de lectura Pasamos Páxina e o departamento de Lingua Galega e Literatura programaron, para para o alumnado de 3º ESO, a lectura na aula da novela Veleno tinto de Ramón Carredano.
Despois dalgúns imprevistos, o encontro co autor tivo lugar o luns 7 de abril no Salón Rosalía de Castro. Os temas da conversa xiraron en torno á novela histórica e á escasa divulgación dos feitos acontecidos en Galicia; a mestura de personaxes históricos e de ficción; a presenza intencionada do humor e, como non, o personaxe principal, frei Samuel.
O autor respondeu as preguntas do alumnado, asinou os exemplares da biblioteca, pousou para as fotos, recomendounos a lectura e compartiu as versións en hebreo, grego e holandés de A illa do tesouro de Robert Louis Stevenson.

miércoles, 2 de abril de 2014

FONTES COMPARTIDAS

O Proxecto Interdisciplinar do alumnado de 1º ESO avanza. A busca de información nos documentos impresos da biblioteca está rematada. Agora toca a busca na rede, unha busca con fontes compartidas e que cada equipo enriquecerá cun novo recurso.


martes, 1 de abril de 2014

RUTAS LITERARIAS

O último luns de marzo o alumnado de 2º ESO visitou o Museo Provincial de Lugo para participar nas Rutas Literarias. Distribuídos en catro equipos, o alumnado percorreu as distintas salas do museo para responder as cuestións da ruta asignada e relacionada cun relato de Contos de medo no museo.
O alumnado participou entusiasmado e a actividade resultou moi satisfactoria grazas ao saber estar e á preparación previa coa lectura e as Contadas dos catro relatos: "O botón encarnado" de Marilar Aleixandre, "Sangue de gato negro" de Fina Casalderrey, "O anel dos destinos cruzados" de Xosé A. Neira Cruz e "O pozo dos desexos" de Antonio Reigosa, ilustrados por Javier Huerga García.


viernes, 21 de marzo de 2014

DÍA DA POESÍA

Dende a Biblioteca propomos unha celebración do día ao xeito de Fran Alonso en "Cinco motivos para ler poesía":

O importante da poesía non é obsesionarse por descifrala 
senón gozala, sentila e intuíla.

Que hai no taboleiro da Biblioteca? POETÍZATE


viernes, 14 de marzo de 2014

DE ROSALÍA E DA MULLER

Pasados os días sinalados para as conmemoracións, 24 de febreiro e 8 de marzo, dende a Biblioteca achégase lectura para saborear con tempo.
Por unha banda, a poesía de Rosalía [82P] e a novela  de Pedro Feijoo, publicada por Xerais, A memoria da choiva [82N], un thriller ambientado en Compostela e que lle dá protagonismo á primeira edición de Follas novas.
Por outra banda, a muller, dende diferentes épocas, funcións e perspectivas, a través da biografía [92] e da historia [94].



miércoles, 12 de marzo de 2014

ENCONTRO CON MARCOS CALVEIRO

O luns pola tarde, o Salón Rosalía de Castro acolleu o encontro de Marcos Calveiro coas lectoras e lectores das súas obras. O pintor do sombreiro de malvas, lectura común para o alumnado de Lingua Galega Literatura de 3º e 4º ESO, Todos somos e Palabras de auga, lidas no club de lectura de 2º e 1º ESO, respectivamente.
O autor presentou os cadros de Vicent Van Gogh a partir dos que creou os personaxes e a historia da súa novela, respondeu as preguntas do alumnado sobre o seu proceso creador e recalcou que a condición imprescindible para converterse en escritor é ser primeiro lector/a.


sábado, 8 de marzo de 2014

DÍA DA MULLER

Con motivo do Día Internacional das Mulleres, o Concello de Maceda levou a cabo un acto no que participaron os cursos de 4º ESO e 2º BAC do IES San Mamede. 
A xuntanza comezou cunha breve charla sobre o papel da muller na sociedade ao longo da historia, coa que se pretendía amosar os cambios que afortunadamente se deron e os que desafortunadamente faltan por darse. O obxectivo principal da exposición era fomentar un uso non sexista da linguaxe. De seguido, baixouse á Praza das Toldas, onde unha alumna, Carla Lamas, acompañada polo acordeón da profesora de música, Cristina Asenjo , cantou unha canción de temática acorde coa celebración. Para rematar, varias mulleres da vila leron un manifesto institucional no que se realzaba a importante figura da muller.
María Losada González, 2º BAC

jueves, 27 de febrero de 2014

DÍA DE ROSALÍA

O 24 de febreiro, Día de Rosalía, o alumnado de Bacharelato percorreu enclaves da paisaxe ourensá e no Castro de San Cibrao de Las mozas e mozos festexaron o día do mellor xeito posible, lendo poemas de Rosalía de Castro.



martes, 25 de febrero de 2014

ROTEIRO LITERARIO

Para o alumnado de Bacharelato, o departamento de Lingua Galega e Literatura programa como actividade complementaria e extraescolar un percorrido histórico-artístico por  San Cibrao de Las, Oseira e Trasalba que ten como fío condutor algúns textos de Ramón Otero Pedrayo: 

Temos en Galiza unha arte fondamente representativa dende os moimentos máxicos ou relixiosos da alborada céltiga e da mocedá do románico hastra os luxosos crepúsculos do noso barroco.
"Encol da aldeia", Nós, 1922

Cando o chocolate fumegaba nos pocillos fondos cun ulido de virreinato, o exclaustrado remontábase ás orixes de Oseira.(...) De alí a pouco, cismando no asunto, cheguei a ollar cos ollos de auga da imaxinación as verdadeiras orixes de Oseira. Vóullelas contar en poucas verbas.
Os camiños da vida, Nós, 1928

martes, 18 de febrero de 2014

A ESMORGA

Xa comezou en Ourense a rodaxe d'A esmorga, a nova película de Ignacio Vilar, baseada na novela homónima de Eduardo Blanco Amor. Miguel de Lira será Cibrán, Antonio Durán "Morris" interpretará o papel de Eladio Vilarchao  e Karra Elejalde representará a Juan Fariña.

viernes, 14 de febrero de 2014

TERTULIAS LITERARIAS

As rapazas do club de lectura Pasamos Páxina veñen de participar nas tertulias literarias organizadas pola concellaría de cultura de Ourense. O xoves 13 de febreiro encontráronse no Liceo ourensán con outros lectores da provincia, rapazas e rapaces de Allariz e Xinzo, para debater algúns aspectos da obra de Manuel Portas, Faneca brava. A continuación, xunto co alumnado dos centros da cidade tivo lugar o encontro co autor que respondeu todas as cuestións sobre a novela e asinou os exemplares que a concellaría proporciona ao alumnado participante.

martes, 11 de febrero de 2014

MOCHILAS VIAXEIRAS

Un curso máis, saen as Mochilas viaxeiras da biblioteca. O alumnado de 1º e 2º ESO, de forma voluntaria participa na actividade que prorporciona lectura en varios idiomas e xéneros, películas, menús con almorzos saudables, guías de lecturas recomendadas polos distintos departamentos do centro e a revista Ollos de aula

lunes, 10 de febrero de 2014

DÍA DA PAZ

O DÍA DA PAZ foi a data elixida este curso para conmemorar dende todos os departamentos didácticos e con todos os cursos. A Biblioteca, dende a materia de Proxecto Interdisciplinar, participou co alumnado de 1º ESO, que se encargou de elaborar unha presentación con Palabras pacíficas en varios idiomas mencionando no seu traballo as fontes utilizadas. Unha aplicación de educación documental.


viernes, 7 de febrero de 2014

VISITA AO FARO DE VIGO

O alumnado de 1º ESO visitou o 6 de febreiro as instalacións de Faro de Vigo en Chapela. Alí, guiados por Julia, realizaron un percorrido que lles permitiu visualizar as fases, os profesionais e as funcións necesarias para quitar á rúa un xornal.
Á volta, puidemos pór en común o aprendido grazas á visita e comentar os datos que máis os sorprenderon, como as medidas das bobinas de papel empregadas, o sistema que permite movelas, o número de xornais que se poden imprimir en tan pouco tempo, o prezo dun anuncio a páxina completa ou a evolución na maquetación do xornal, dende o primeiro número en 1853 ata a actualidade.


lunes, 27 de enero de 2014

A FORMA DAS NUBES

O club de lectura de 1º Bacharelato, da man de Yolanda, xa comezou a lectura da novela de María López Sández. As súas integrantes (Xiana, Iria, Leticia, Andrea, Rebeca, Natalia e María) poderán gozar coma quen contempla as nubes para recoñecer nelas figuras do mundo real, un xeito de fuxir do desamparo que por veces nos deita a vida.

Podemos ler máis no Blog da biblioteca do IES Porto do Son.


lunes, 20 de enero de 2014

PALABRAS DE AUGA

 novela Palabras de auga, de Marcos Calveiro, Premio Merlín de Literatura Infantil 2012, incluído nas Listas de Honra do IBBY, entre os nove libros que presentou á selección a OEPLI (Organización Española para el Libro Infanil y Juvenil), é a lectura que o alumnado do club de lectura de 1º ESO vai compartir neste inicio de ano.
Realizaremos a viaxe cara ao interior do continente africano e da súa cultura a través dun relato cativador e conmovedor, que non oculta a crueza da existencia para moitas persoas, e cunhas magníficas ilustracións de Ramón Trigo


viernes, 10 de enero de 2014

CLUB DE LECTURA

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fai pública no Portal Educativo, a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se resolve a convocatoria para incentivar o funcionamento de Clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario (ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Adultos, Ensinanzas de Réxime Especial), para o curso 2013/2014. Un total de 209 centros con club de lectura (un ou varios grupos) reciben axuda para o funcionamento desta iniciativa, encadrada no programa Hora de ler, para o fomento da lectura nos centros de ensino. 
Parabéns aos integrantes do Club de lectura Pasamos Páxina porque o seu é un dos proxectos subvencionados con 1000€.