jueves, 20 de junio de 2013

ENCONTRO DE CLUBS DE LECTURA

Remata o curso e o Club de lectura despídese ata o próximo cunha xornada compartida cos clubs de lectura do IES Lagoa de Antela e do IES de Celanova que tivo lugar o luns 17 de xuño en Celanova. Alí os anfitrións recibíronnos na súa biblioteca e participamos no recitado de poetas galegos con acompañamento; asistimos ao percorrido guiado polo instituto, e á visita ao Mosteiro de San Salvador, á capela mozárabe de San Miguel e a’A Casa dos poetas.
Un día estupendo que agardamos repetir o próximo curso cun percorrido por Maceda.

viernes, 14 de junio de 2013

PROXECTO USHA

O proxecto final de Lingua Galega e Literatura en 1º ESO xirou en torno á lectura común do terceiro trimestre, Usha de María Reimóndez. Despois da lectura e análise da obra literaria, os equipos buscaron información para achegarse á realidade da India tendo en conta as reflexións da protagonista da obra. Elaboraron unha Presentación Power Point para acompañar a exposición oral que se desenvolveu na biblioteca.

Linguas da India                                 Vestimenta e gastronomía



A situación da muller                                                        Relixión

                        

martes, 11 de junio de 2013

MEDIO AMBIENTE E CIDADES

Ao alumnado do club de lectura de 2º ESO coincidiulle a conmemoración do Día do Medio Ambiente coa lectura de Cidades de Fran Alonso e seleccionou para ler na biblioteca aqueles poemas relacionados coa conmemoración: 
"Os peixes da cidade"
"Esta miña urbe ten moitos defectos"
"As árbores da miña cidade están soas"
"No zoolóxico hai un dromedario"
"Na cafetería hai flores"
"Cando a cidade enferma"

miércoles, 5 de junio de 2013

DÍA DO MEDIO AMBIENTE

O Día mundial do Medio Ambiente celébrase dende 1972 cada 5 de xuño. Este día foi establecido pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas coa que se iniciou a Conferencia de Estocolmo co Medio Humano como tema principal.

A finalidade é sensibilizar a opinión mundial en relación a temas ambientais, motivando as persoas para que se transformen en axentes activos do desenvolvemento sostible e equitativo; promover o papel fundamental das comunidades no cambio de actitude cara a temas ambientais, e fomentar a cooperación, pois esta garantirá que todas as nacións e persoas gocen dun futuro máis prospero e seguro.


Para ler, a adaptación dun fragmento d'A casa dos Lucarios de Teresa Moure: 

O Chicho sempre contou entre os seus fillos a Dosinda. Mais como volo hei de explicar? Dosinda non naceu do ventre de Rosa. Dosinda non é humana. Non quero dicir que sexa inhumana, que Dosinda sempre foi boa coma un pan: Dosinda é unha sobreira.
A ningún dos fillos de Chicho lle pareceu nunca raro ter como irmá unha árbore que, en matinando un pouco, axiña hase decatar calquera que os humanos somos mesmamente bechos e non outra cousa ningunha, e que igual que podes ter unha irmá falangueira e tarabela, ou irmán lercho ou lacazán, podes ter un irmán árbore.
Ninguén pode contar o nacemento de Dosinda. Ninguén lembra ese momento, xa remoto. Seguro que a semente de Dosinda se chantou na terra como por acaso moito antes de que os meus se instalasen en Ferreira e se decatasen da necesidade de se ancoraren á terra con raíces propias. Porén, o conto foi máis complicado.
Cada vez que Rosa traía unha nova criatura ao mundo, o seu home ía correndo co pico e a pa plantar unha árbore que a suxeitase ao chan, "para impedir que os soños vos fagan voar tan alto que batades coa cheminea", dicía el, aínda que todos sabían que a árbore era un símbolo educativo porque el pensaba que lles abondaría con ter diante o bo exemplo dun ser vivo medrando dereito para arriba, de xeito acaído, desafiando o vento que sopra, para que fosen cumpridores e espelidos nas obrigas, ademais dun chisco rebeldes, que en deixarse guiar non hai submisión ningunha, senón fame de aprender.