lunes, 20 de mayo de 2013

CIDADES

Na recta final do curso, os membros do Club de lectura de 2º ESO len Cidades de Fran Alonso que, revisado e ilustrado polo autor, foi unha das novidades da colección Sopa de libros da editorial Xerais.
Tras a primeira lectura parcial e subxectiva, queremos compartir con vós o poema seleccionado: 

En todas as cidades hai historias que contar.
Na miña, podería contarvos
a historia dun tolo triste,
que se amarra cunha corda aos semáforos,
e fala con eles.
Os domingos dille a todo o mundo
que marcha de viaxe.
E vai á estación,
a ver saír o tren,
e logo volve ao semáforo,
a conversar.
Bartolo é un triste tolo,
un tolo louco semafórico.
Cando lle falas ponse colorado.
Cando che fala ponse verde.
Cando conversa co semáforo póñenselle 
ollos de laranxa intermitente, ollos
de Bartolo, o tolo.

jueves, 16 de mayo de 2013

DÍA DAS LETRAS

Na véspera do DÍA DAS LETRAS podemos ver como os taboleiros do centro se enchen coas imaxes de Roberto Vidal Bolaño, a biblioteca expón as súas obras, algunhas xa lidas polo alumnado como Saxo tenor e As actas escuras, e outras agardando polos lectoras/es; e o alumnado de 1º ESO ensaia a lectura dramatizada de Touporroutou da Lúa e do Sol, que representará na despedida do curso.
Continuaremos ao longo do mes achegándonos á obra de Roberto Vidal Bolaño  quen tanto e tan ben contribuíu á normalización do teatro e da lingua galega.

Ademais unha canción que nos achega Paco Nogueiras Espirito Vidal Bolaño

viernes, 3 de mayo de 2013

MES DAS LETRAS

Comeza o Mes das Letras e o alumnado de 1º ESO participa no Correlingua, unha manifestación pacífica, amábel e festeira a prol da lingua galega, percorrendo as rúas de Ourense xunto con outros compañeiros e compañeiras da provincia, para amosar o seu orgullo pola lingua de noso.


CORRELINGUA on PhotoPeach