viernes, 22 de marzo de 2013

ENCONTRO CON ELENA GALLEGO ABAD

O Club de lectura de 2º ESO recibiu a visita da autora de DRAGAL, o dragón galego, para comentar con ela o primeiro libro da triloxía publicada por Xerais. Despois das presentacións, a escritora explicou o xerme da historia, a caracterización dalgúns personaxes, a importancia da documentación e  os novos proxectos xurdidos para a realización do cómic e mais da película de Dragal. Logo respondeu as preguntas das lectoras e lectores dragalizados e fotografouse con eles.

DRAGAL on PhotoPeach

lunes, 18 de marzo de 2013

CONTADAS DO MUSEO

As alumnas e alumnos de 2º ESO convértense en contacontos. O punto de partida estivo na lectura e traballo de aula realizado con Contos do museo. A continuación, a formación de catro equipos, un por cada conto; a selección da información e a preparación na casa; unha sesión de ensaio xeral e, finalmente, as contadas na biblioteca de "Visita nocturna", "A serpe de pedra", "Un paxaro posible" e "Un trasno do museo no Tour de Francia".

CONTADAS DO MUSEO on PhotoPeach

miércoles, 13 de marzo de 2013

CERTAME LITERARIO MARÍA BALTEIRA

O alumnado do IES San Mamede participou no I Certame de literatura feminista María Balteira convocado para os centros de Allariz, Maceda e Xinzo de Limia. 
Na primeira fase foron seleccionados catro traballos, dous relatos e dous poemas, e as autoras asistiron á entrega de premios celebrado o 8 de marzo na Casa da Cultura de Xinzo. A encargada de seleccionar as obras premiadas foi a poeta Marta Dacosta que gabou a participación e a calidade de todas as producións, aínda que só se puidese premiar unha por modalidade e categoría. 
Parabéns a todos os participantes e, especialmente, ás galardoadas: 
Andrea Cid López
Alba González González
María Losada González 
Erika Novoa Conde


lunes, 11 de marzo de 2013

OBRADOIRO DE POESÍA

No mes da Poesía, comezan as actividades de aula e da biblioteca para achegarse ao xénero, coñecelo e gozalo. As primeiras, as alumnas do Club de lectura de 3º e 4º ESO que asistiron a un Obradoiro de poesía impartido por Carlos Negro. Con el gozaron das posibilidades expresivas da linguaxe poética e agardan volver contar coa súa presenza noutra ocasión porque o tempo da sesión pareceulles insuficiente.


OBRADOIRO DE POESÍA on PhotoPeach

viernes, 8 de marzo de 2013

DÍA DA MULLER

A lectura dalgunhas entradas d'O diario violeta de Carlota de Gemma Lienas, editado na colección Costa Oeste de Galaxia, permitiulle ao alumnado de 1º ESO reflexionar sobre as moitísimas situacións do noso día a día que tomamos como normais cando, en realidade, son todo un exercicio de discriminación e inxustiza.
Carlota recibe da súa avoa a encomenda de observar o mundo cunhas lentes de cor violeta, é dicir, dende unha óptica feminista e igualitaria para decatarse das situacións inxustas, de desvantaxe e de menosprezo cara á muller.
Tras a lectura e a reflexión, o alumnado confeccionou as lentes de cor violeta que lle permitirán cuestionar os valores androncéntricos e camiñar cara á igualdade real.