viernes, 1 de febrero de 2013

DÍA DA PAZ

A paz non é soamente a ausencia da guerra; mentres haxa pobreza, racismo, discriminación e exclusión dificilmente poderemos alcanzar un mundo de paz. Rigoberta Menchú, Nobel da Paz.
Para fomentar a reflexión sobre a ausencia da mesma, varias foron as actividades desenvolvidas no centro. Dende a biblioteca ofreceuse unha selección de lecturas que o alumnado de 1º ESO C decorou con pombas que transportan en varias linguas o termo paz e serviu de escenario para a lectura de citas e poemas buscados na rede polas rapazas e rapaces de 1º ESO A que tamén presentaron no corredor a exposición de grous de papiroflexia titulada "UN GROU POLA PAZ".
Finalmente, como reflexión colectiva, achegar unha parte do discurso de Albert Camus, Premio Nobel de Literatura en 1959:
"Cada xeración, sen dúbida, crese destinada a refacer o mundo. A miña sabe, non obstante, que non o refará. Pero a súa tarefa quizais sexa aínda máis grande. Consiste en impedir que o mundo se desfaga. Herdeira dunha historia corrompida, na que se mesturan as revolucións frustradas, as técnicas entolecidas, os deuses mortos e as ideoloxías extenuadas; cando poderes mediocres poden destruílo todo, pero xa non saben convencer; cando a intelixencia se ten rebaixado ata converterse en criada do odio e da opresión, esta xeración vén tendo, en si mesma e arredor de si mesma, que restaurar, a partir das súas negacións, un pouco do que fai digno o vivir e o morrer."