miércoles, 23 de enero de 2013

A FORMA DAS NUBES

As mozas e mozos de Bacharelato comezarán o ano no Club de lectura coa obra de María López Sández.

Narrada en primeira persoa, cunha voz que conxuga o presente e o pasado da protagonista, A forma das nubes é unha pescuda na infancia como xeito de comprender o amor e fuxir do desamparo no que nos deita a vida. A fotografía, o cinema, a moda e a beleza configuran o pano de fondo desta narración que María López Sández escancia cun ritmo intenso, constante; ritmo narrativo ao que se suma o contrapunto dun enigma central que a novela aproveita como recurso literario e como estímulo para o pensamento de quen le.

Cando ten trece anos, unha rapaza emprende unha viaxe que o ha cambiar todo e na que coñece unha actriz engaiolante e cativadora. Xa adulta, lembra aqueles momentos tinguidos de beleza e violencia. Os retallos do pasado, os fragmentos de lembranzas, deseñan un mosaico no que a protagonista procura unha forma, un sentido, coma quen contempla as nubes para recoñecer nelas figuras do mundo real.