jueves, 21 de junio de 2012

DESPEDIDA POÉTICA

Como vén sendo habitual, despedimos o curso cunha actuación para toda a comunidade educativa no Salón Rosalía de Castro. Este ano as convidadas foron Lucía Aldao e María Lado que nos animaron e divertiron coa súa actuación poético-musical. Un agarimo para os oídos e para a alma nestes momentos de incertezas, recortes e perda de valores.

DESPEDIDA POÉTICA on PhotoPeach

lunes, 18 de junio de 2012

VERÁN LECTOR

Achéganse as vacacións, un merecido tempo de descanso despois de tanto traballo e unha oportunidade para a lectura por pracer cos compañeiros de viaxe que nos agardan na biblioteca. Así nolo propoñen os compañeiros de 2º ESO cos carteis espallados polos corredores e aulas do centro para animarnos a levar libros en préstamo para o lecer.


VERÁN LECTOR on PhotoPeach

domingo, 17 de junio de 2012

APADRIÑA UN LECTOR/A

Con esta campaña a biblioteca desexa fomentar a lectura pola nosa contorna achegando os fondos a novos socios e socias que o alumnado voluntario se encargou de apadriñar entre a súa familia e amizades.
Rematada a primeira fase, xa contamos con 44 novos lectores e lectoras que recibiron de mans das madriñas e padriños o seu carné xunto ás indicacións para participar na segunda fase, a campaña Verán lector.






lunes, 11 de junio de 2012

V XORNADA DE CLUBS DE LECTURA

Andrea Chaves e María Riesco, membros do club Pasamos Páxina, veñen de participar na V Xornada de Clubs de Lectura destinadas ao intercambio de experiencias e á formación do profesorado que coordina os clubs de lectura presentes en 215 centros públicos de ensino secundario de toda Galicia.
A xornada tivo lugar o sábado 9 de xuño no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela e alí tiveron ocasión de gozar de obradoiros de poesía e regueifas, mesas, reunións e conferencias. Ademais compartiron experiencias arredor do almorzo, xantar e merenda con outras alumnas e alumnos, docentes, nai/pais e escritores, para recibir o agasallo de Carlos Negro ao remate da sesión. Un bo día.


viernes, 8 de junio de 2012

REDE DE BIBLIOTECAS

A biblioteca escolar organizou unha saída co alumnado de 1º ESO para visitar as instalacións de Biblioteca Pública de Maceda e tramitar os carnés de lectores/as, previamente cubertos na sesión de Titoría.
Avelina, a bibliotecaria, amosounos amablemente as instalacións e agasallounos con dous textos que describen os valores da bilbioteca. Lémolos e escollemos as oracións que máis nos agradaron.



lunes, 4 de junio de 2012

ENCONTRO CON FRANCISCO CASTRO

Contamos de novo coa presenza de Francisco Castro, un autor lido e valorado polo alumnado do centro. Desta volta, as obras foron Chamádeme Simbad, O ceo dos afogados e O segredo de Marco Polo en 1º, 2º e 3º ESO.
O alumnado presentou o autor, escoitouno, divertiuse e aprendeu con el; logo amosoulle os seus traballos coas ilustracións para Simbad, os cómics coa historia dos golfiños e un vídeo coa lectura dun fragmento de O ceo dos afogados; e, finalmente, despois de que lles asinase os libros, posaron para as fotos.

ENCONTRO CON FRANCISCO CASTRO on PhotoPeach