viernes, 21 de diciembre de 2012

DRAGAL. A HERDANZA DO DRAGÓN

Os membros do club de lectura de 2º ESO inician a súa andaina coa lectura de DRAGAL. A HERDANZA DO DRAGÓN de Elena Gallego Abad, da que adiantamos a súa sinopse.
Acaroado na fachada da igrexa de San Pedro, o dragón de pedra agarda que chegue o tempo no que Dragal recobre a vida. Hadrián aínda non o sabe, pero el é o elixido para conseguir que se cumpra a profecía. Mais, quen pode imaxinar que o vello templo medieval agocha as claves para atopar a senda do último dragón galego? Un antigo medallón de metal en estado vivo, herdanza do seu pai, será a chave que lle abrirá a Hadrián as portas para cumprir co seu destino. Para atopar respostas, o mozo tamén deberá buscar nos libros prohibidos da vella biblioteca do seu bisavó e mergullarse nos segredos que agochan as augas da Poza da Moura. Só grazas á amizade de Mónica, compañeira de clase no instituto, e coa complicidade de don Xurxo, o cura da parroquia, Hadrián poderá percorrer a senda que os cabaleiros da Orde de Dragal deixaron aberta para el moitos séculos atrás. 
Elena Gallego Abad debuta na narrativa galega cunha primeira novela, finalista do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil 2009, coa que se inicia, ademais, a triloxía baixo o título de “Dragal”, o dragón galego.


lunes, 17 de diciembre de 2012

VACACIÓNS LECTORAS

Ás portas do Nadal a Biblioteca anima os lectores do centro a seleccionar títulos para as vacacións. Este ano a campaña centra o seu interese na novela policial e de medo, como se pode ver nas aulas e nos corredores. Non obstante, os demais xéneros e subxéneros tamén están dispoñibles para vós e para as/os afilladas/os da lectura.


viernes, 14 de diciembre de 2012

RECITANDO CELSO EMILIO

Organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, o IES San Mamede participou na actividade Recitando Celso Emilio o 12/12/12 ás 12 horas.
O Equipo de Apoio da Biblioteca, constituído polo alumnado de 2º ESO A, colaborou coa confección da pancarta para o acto e a biblioteca expuxo as obras do autor homenaxeado, recomendadas especialmente para as vacacións lectoras do alumnado de Bacharelato.


RECITANDO CELSO EMILIO on PhotoPeach

viernes, 30 de noviembre de 2012

ENCONTRO CON RAMÓN CARIDE

O 22 de novembro tivo lugar o encontro con Ramón Caride, autor de A negrura do mar, obra lida en 1º ESO como iniciación ao Club de lectura, e do libro de relatos Exogamia 0.3, lectura común para o alumnado de 2º ESO na materia de Lingua Galega e Literatura.
No encontro o alumnado e profesorado puideron gozar da proximidade do autor que agradeceu e valorou o traballo realizado polas lectoras/es das súas obras, respondeu as súas preguntas, asinou exemplares e compartiu as súas reflexións sobre a literatura e as actitudes negativas dalgunhas persoas con respecto ao medio e ao resto da humnaidade.
Un pracer volver contar coa presenza de Ramón Caride a quen agardamos ver de novo.

ENCONTRO CON RAMÓN CARIDE - foto montaje

viernes, 23 de noviembre de 2012

TERTULIA LITERARIA DE ALLARIZ


As alumnas do Club de lectura de 4º ESO participaron en Allariz o 19 de novembro na tertulia compartida sobre o libro Lume de cobiza de Miguel Anxo Fernández, xunto con alumnado de Allariz e Xinzo da Limia. Tamén asistiron á charla do autor, que nos adiantou en primicia o inicio da  súa nova novela, protagonizada por Frank Soutelo.

VISITA Á BIBLIOTECA PÚBLICA

Por segundo ano consecutivo a biblioteca escolar do IES San Mamede realizou a actividade Rede de bibliotecas co alumnado de 1º ESO para coñecer as instalacións da biblioteca pública de Maceda e converterse en socios da mesma.
Con Avelina, que recolleu os impresos para xestionar os carnés do alumnado, leron uns fermosos textos que reflexionan sobre as posibilidades que ofrecen as bibliotecas, coñeceron o horario de apertura e pousaron para as fotos.



viernes, 9 de noviembre de 2012

LITERATURA DE MEDO




Para rematar outubro deixámonos enfeitizar coa celebración do Samaín. Os traballos do alumnado de 1º e 2º ESO realizados nas clases de Inglés para ilustrar o Halloween e nas de Lingua Galega e Literatura para o Samaín engalanaron a biblioteca que, pola súa banda, puxo a dispor da comunidade educativa unha selección de lecturas de fantasía, misterio, medo e terror realizadas polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega.


SAMAÍN on PhotoPeach

viernes, 26 de octubre de 2012

MES DA BIBLIOTECA

O 24 de outubro conmemoramos o Día da Biblioteca e para lembrar a data o alumnado de 2º ESO A elaborou uns carteis que recollen valores asociados á utilización das bibliotecas.
Así mesmo, durante este mes de outubro, compreceunos enormemente ser testemuñas da masiva asistencia do alumnado, nos períodos de lecer, para facer uso das distintas zonas e opcións que a biblioteca ofrece.


miércoles, 3 de octubre de 2012

Biblioteca escolar, acelerador de innovación

Comeza un novo curso e a biblioteca prepárase para recibir os nosos lectores e lectoras. Moitas son as ilusións e accións programadas para que, coas achegas de toda a comunidade, continúe a renovarse a activarse.
Na medida das nosas posibilidades, tentaremos facer noso o lema do cartel, con ilustracións de Andrés Meixide, editado co gallo da celebración do mes da biblioteca escolar (outubro) e do Día da Biblioteca (24 de outubro).
Saúdos, lectoras e lectores do IES San Mamede!


jueves, 21 de junio de 2012

DESPEDIDA POÉTICA

Como vén sendo habitual, despedimos o curso cunha actuación para toda a comunidade educativa no Salón Rosalía de Castro. Este ano as convidadas foron Lucía Aldao e María Lado que nos animaron e divertiron coa súa actuación poético-musical. Un agarimo para os oídos e para a alma nestes momentos de incertezas, recortes e perda de valores.

DESPEDIDA POÉTICA on PhotoPeach

lunes, 18 de junio de 2012

VERÁN LECTOR

Achéganse as vacacións, un merecido tempo de descanso despois de tanto traballo e unha oportunidade para a lectura por pracer cos compañeiros de viaxe que nos agardan na biblioteca. Así nolo propoñen os compañeiros de 2º ESO cos carteis espallados polos corredores e aulas do centro para animarnos a levar libros en préstamo para o lecer.


VERÁN LECTOR on PhotoPeach

domingo, 17 de junio de 2012

APADRIÑA UN LECTOR/A

Con esta campaña a biblioteca desexa fomentar a lectura pola nosa contorna achegando os fondos a novos socios e socias que o alumnado voluntario se encargou de apadriñar entre a súa familia e amizades.
Rematada a primeira fase, xa contamos con 44 novos lectores e lectoras que recibiron de mans das madriñas e padriños o seu carné xunto ás indicacións para participar na segunda fase, a campaña Verán lector.






lunes, 11 de junio de 2012

V XORNADA DE CLUBS DE LECTURA

Andrea Chaves e María Riesco, membros do club Pasamos Páxina, veñen de participar na V Xornada de Clubs de Lectura destinadas ao intercambio de experiencias e á formación do profesorado que coordina os clubs de lectura presentes en 215 centros públicos de ensino secundario de toda Galicia.
A xornada tivo lugar o sábado 9 de xuño no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela e alí tiveron ocasión de gozar de obradoiros de poesía e regueifas, mesas, reunións e conferencias. Ademais compartiron experiencias arredor do almorzo, xantar e merenda con outras alumnas e alumnos, docentes, nai/pais e escritores, para recibir o agasallo de Carlos Negro ao remate da sesión. Un bo día.


viernes, 8 de junio de 2012

REDE DE BIBLIOTECAS

A biblioteca escolar organizou unha saída co alumnado de 1º ESO para visitar as instalacións de Biblioteca Pública de Maceda e tramitar os carnés de lectores/as, previamente cubertos na sesión de Titoría.
Avelina, a bibliotecaria, amosounos amablemente as instalacións e agasallounos con dous textos que describen os valores da bilbioteca. Lémolos e escollemos as oracións que máis nos agradaron.



lunes, 4 de junio de 2012

ENCONTRO CON FRANCISCO CASTRO

Contamos de novo coa presenza de Francisco Castro, un autor lido e valorado polo alumnado do centro. Desta volta, as obras foron Chamádeme Simbad, O ceo dos afogados e O segredo de Marco Polo en 1º, 2º e 3º ESO.
O alumnado presentou o autor, escoitouno, divertiuse e aprendeu con el; logo amosoulle os seus traballos coas ilustracións para Simbad, os cómics coa historia dos golfiños e un vídeo coa lectura dun fragmento de O ceo dos afogados; e, finalmente, despois de que lles asinase os libros, posaron para as fotos.

ENCONTRO CON FRANCISCO CASTRO on PhotoPeach

domingo, 27 de mayo de 2012

LEMOS E CREAMOS II

Continuamos preparando o encontro con Francisco Castro e desta volta achegamos os cómics inspirados na novela O ceo dos afogados, lectura común para o alumnado de 2º ESO.


ROCÍO GARCÍA MOJÓN

MIREIA NÚÑEZ DOCABO


               



viernes, 25 de mayo de 2012

VISITANTES

O centro acolle ao alumnado de 6º de Educación Primaria, que se achega por estas datas para coñecer as instalacións e recursos do instituto. Na biblioteca percorreron as zonas, observaron os fondos sinalizados, probaron os pufs,  viron as normas de uso e recibiron os diplomas e premios pola participación no certame literario Joao de Novoa organizado polo EDLG. 




lunes, 21 de mayo de 2012

LEMOS E CREAMOS

A lectura d'O ceo dos afogados  en 2º ESO estanos a proporcionar os primeiros froitos das producións do alumnado. Neste caso, a lectura que Raquel Souto Janeiro realiza de dous cortes centrados nos sentimentos dos animais e a de Pablo Cid González que extrae unha proposta de vida harmoniosa. Unha delicia.



martes, 1 de mayo de 2012

RUTAS DO MUSEO

Rematando abril viaxamos a Lugo para participar nas Rutas Literarias organizadas polo Museo Provincial, unha actividade didáctica coa que, baseándose nos contidos e nas ilustracións de Contos do museo, procuran que o alumnado goce dunha inesquecible experiencia, e no noso caso así foi.
Tamén houbo tempo para aprender a compracerse coas obras expostas nas distintas salas e pasear polas rúas da cidade.


RUTAS DO MUSEO on PhotoPeach

viernes, 27 de abril de 2012

DÍA DO LIBRO

Para conmemorar o Día do Libro, as alumnas e alumnos de 1º ESO acudiron á biblioteca para, ao xeito dunha feira tradicional, intercambiar os seus produtos seleccionados. Ogallá o troco resulte satisfactorio para todas e todos.

FEIRA DO LIBRO on PhotoPeach

lunes, 16 de abril de 2012

CONTADAS DO MUSEO

O alumnado de 2º ESO compartiu no 2º trimestre a lectura común de Contos do museo, composto polos relatos de Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz, Paco Martín e Xosé Miranda que se acompañan coas ilustracións de Paco Pestana, Macía, Xoán M. Balboa e Alejandro Carro.
Tras a posta en común das análises dos relatos, as alumnas e alumnos continuaron a interaccionar coa obra e, agrupados en equipos, ensaiaron, gravaron e editaron as súas Contadas:
Visita nocturna por Jualián Blanco, Kelly Estévez e Raquel Souto.


A serpe de pedra por Ádam Alonso, Miguel Gullón e Mireia Núñez.

jueves, 29 de marzo de 2012

POETIZÁMONOS

Coa lectura de Cidades e o encontro con Fran Alonso a poesía inundou as aulas de 2º ESO e o alumnado compuxo os seus poemas para o libro colectivo Aldeas e vilas.


viernes, 23 de marzo de 2012

ENCONTRO CON FRAN ALONSO

Fran Alonso acudiu ao centro para encontrarse coas lectoras e lectores de varias das súas obras: a poesía de Cidades e Poetízate e a narrativa de Cemiterio de elefantes e Cartas de amor.
Para a presentación, Adrián Blanco Blanco, de 2º ESO, creou este vídeo lendo un dos poemas de Cidades.




Aquí algunhas das imaxes do encontro co escritor que nos fixo vibrar coa poesía.

viernes, 24 de febrero de 2012

FLORES A ROSALÍA

Para conmemorar o Día de Rosalía, a biblioteca acolleu no segundo recreo a lectura de poemas da autora, realizada polas alumnas do club de lectura de 2º ESO, e a presentación das súas obras rodeadas por flores de papiroflexia. Ao remate da sesión, os asistentes foron agasallados cunha flor e un poema de Rosalía.

viernes, 27 de enero de 2012

EDUCACIÓN DOCUMENTAL

O alumnado de 1º ESO repasa as partes do libro coa lectura común do 2º trimestre na materia de Lingua Galega e Literatura.